Proxecto Tandem

Voluntariado interxeracional no Concello de Cenlle

Qué é o Proxecto Tandem?

TANDEM é un proxecto de voluntariado interxeracional que combina a experiencia, os coñecementos e os recordos do territorio das persoas maiores, coa inquietude, curiosidade e manexo das novas tecnoloxías que teñen as persoas máis novas.

Recollemos e catalogamos información relativa ao noso concello para facer un mapa emocional que, ademais de almacenar recursos turísticos como os patrimoniais ou culturais, recolla tamén historias, tradicións, fotografías antigas, feitos históricos acontecidos no noso concello, referencias a personaxes famosos…

Moita desta información está unicamente na memoria das persoas maiores. Con este proxecto aproveitamos para recuperala antes de que se perda, poñémola en valor e facemos que sexa un atractivo turístico máis para a nosa vila.

PARTICIPANTES NO PROXECTO

ÁNGELES

No momento no que me ofreceron participar neste proxecto non o dubidei, porque era unha experiencia nova para min o de estar con xente de varias idades. Cando un ten, coma min, xa unha idade, é moi bonito estar con xente nova, porque ti aprendes deles e tratas de darlle a eles un pouco do que ti coñeces.

Nas xuntanzas para organizar o traballo cada un ten o seu punto de vista, pero pasámolo ben. Para min é un luxo traballar con este equipo: grazas a el coñezo mellor o noso concello, que ten moito que ver e moito que ensinar. Paga a pena que as cousas interesantes que ten sexan coñecidas pola xente de fóra; tamén, que as novas xeracións poidan seguir investigando e ampliando o traballo que nós fixemos.

Quédome con unha cousa: que temos un concello moi bonito e que traballar con estes compañeiros foi marabilloso. Son todos estupendos!

LORENA


A min este proxecto levoume a compartir tempo e ideas con outras persoas, o cal por si mesmo xa foi bastante interesante: pola diferenza de idade entre uns e outros, xerouse moita diversidade de opinións. Aportoume moito coñecelas.

Descubrín cousas do meu concello que non coñecía, debido a que pasaran hai moito tempo, que nunca se contaran na casa, ou directamente porque noutro momento non lles prestei suficiente atención.

Grazas a isto, vinme alentada a falar coa miña avoa para preguntarlle por estas cousas: contoume moitas máis historias con detalles súper interesantes.

LUCÍA

Recollemos información dos distintos lugares do concello: cousas sobre patrimonio, tradicións, recursos naturais… para achegarllas a todo o mundo a través a internet, promocionando o concello a nivel turístico.

É moi satisfactorio colaborar en dar a coñecer o noso fermoso concello con este proxecto. Ademais, tamén nos está a axudar a coñecelo máis profundamente, xa que todos achegamos datos ou informacións que os outros voluntarios descoñecían.

Sobre todo, estou a coñecer a xente estupenda grazas a este proxecto, non só voluntarios, senón tamén outros veciños e veciñas anónimos que nos axudan coas súas historias.

PABLO

Dende que me presentaron o proxecto, encantoume colaborar con xente máis nova. Pensei que algo podería contarlles, pero a realidade é que fun eu o que aprendín moitas cousas con este equipo.

Fomos acollidos con moito agarimo e respecto pola mocidade: é por iso que me beneficiei non só de aprender cousas novas, senón tamén da vitalidade destas mozas.

Cando nos reunimos as primeiras veces, decidimos que os menos novos iamos recompilar a información daqueles lugares susceptibles de ser visitados, que puidesen atraer persoas doutros lugares. Deste xeito, ademais de manter vivo o noso patrimonio, beneficiamos á mocidade con novas oportunidades laborais.

Coa información buscada e clasificada, axudamos ás mozas a preparar contidos atractivos e facer maxia coas ferramentas tecnolóxicas. Foi unha experiencia única e moi novidosa para min.

Abrir chat
Concello de Cenlle
Hola,
En qué podemos axudarche?