Proxecto Tandem 2.0
Voluntariado interxeracional no Concello de Cenlle
Qué é o Proxecto Tandem?
TANDEM 2.0 é a segunda fase dun proxecto de voluntariado interxeracional que pon en contacto a experiencia e a memoria das persoas maiores coa curiosidade e o manexo das novas tecnoloxías por parte da xente máis nova. O obxectivo é recuperar e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de Cenlle, xerando recursos útiles para promover o turismo rural e sostible.
Facémolo a través da recollida e catalogación de información sobre o concello, elaborando o que chamamos un mapa emocional: un mapa turístico que vai máis alá dos puntos de interese tradicionais e que inclúe tamén a dimensión humana do territorio.
Na primeira edición decatámonos de que moita da información máis valiosa só permanece na memoria das persoas maiores. Por iso, esta nova edición busca recuperar ese patrimonio inmaterial antes de que desapareza, dándolle valor e converténdoo nun atractivo turístico máis para o concello. Trátase dun traballo colaborativo entre xeracións que permite construír un relato único sobre o territorio, que conecta pasado e presente proxectándose cara o futuro.
PARTICIPANTES NO PROXECTO
LUCÍA
Recollemos información dos distintos lugares do concello: cousas sobre patrimonio, tradicións, recursos naturais… para achegarllas a todo o mundo a través a internet, promocionando o concello a nivel turístico.
É moi satisfactorio colaborar en dar a coñecer o noso fermoso concello con este proxecto. Ademais, tamén nos está a axudar a coñecelo máis profundamente, xa que todos achegamos datos ou informacións que os outros voluntarios descoñecían.
Sobre todo, estou a coñecer a xente estupenda grazas a este proxecto, non só voluntarios, senón tamén outros veciños e veciñas anónimos que nos axudan coas súas historias.
PABLO
Dende que me presentaron o proxecto, encantoume colaborar con xente máis nova. Pensei que algo podería contarlles, pero a realidade é que fun eu o que aprendín moitas cousas con este equipo.
Fomos acollidos con moito agarimo e respecto pola mocidade: é por iso que me beneficiei non só de aprender cousas novas, senón tamén da vitalidade destas mozas.
Cando nos reunimos as primeiras veces, decidimos que os menos novos iamos recompilar a información daqueles lugares susceptibles de ser visitados, que puidesen atraer persoas doutros lugares. Deste xeito, ademais de manter vivo o noso patrimonio, beneficiamos á mocidade con novas oportunidades laborais.
Coa información buscada e clasificada, axudamos ás mozas a preparar contidos atractivos e facer maxia coas ferramentas tecnolóxicas. Foi unha experiencia única e moi novidosa para min.
Marcos
É para min unha experiencia moi gratificante ter traballado no proxecto TANDEM cos meus compañeiros e compañeiras, de diferentes idades, con inquedanzas polo proxecto e cunha enorme personalidade humana… A súa loita por atopar as historias, lendas, cancións e contos dos seus devanceiros. E a oportunidade de relacionarnos co resto dos veciños do concello.
Ademais de coñecer o patrimonio, a cultura do viño ou as curiosidades de Cenlle, o mellor foron as charlas con estes compañeiros e compañeiras, tanto na organización como nos momentos de ocio.
Dende aquí, agradecer o trato dispensado polos funcionarios do Concello de Cenlle no noso labor.
Jonathan
É moi satisfactorio colaborar en dar a coñecer Cenlle con este proxecto; ademais, tamén nos está axudando a coñecelo dun xeito máis profundo, xa que todos estamos aportando información que os outros voluntarios descoñecían. Estou a coñecer moitos lugares do meu concello cos que non estaba familiarizado, así como multitude de historias que tiveron lugar aquí e das que non tiña coñecemento.
Esta iniciativa é moi enriquecedora, xa que me ofrece unha perspectiva de Cenlle, a nivel patrimonio cultural e histórico, descoñecida para min. Penso que é importante reivindicar este patrimonio e achegalo a outras persoas para que non se perda na memoria; así como desenvolver máis iniciativas coma esta nos espazos rurais, para previr o seu abandono e lograr que municipios como Cenlle teñan unha vida dinámica.
Ángeles e Lorena
Ángeles e Lorena participaron no proxecto TANDEM entre os anos 2022 e 2023.